Saturday 11 de May de 2024

O Monte Viso acolle unha plantación de especies autóctonas impulsada pola Sociedade Española de Reumatoloxía


A pasada fin de semana levouse a cabo a plantación de 500 novas unidades de especies autóctonas na zona do aparcadoiro-área de recepción da aba do Monte Viso. Nesta ocasión a plantación realizouse con “bolas de sementes”, unha técnica coñecida como “Nendo Dango” que foi desenvolvida en Xapón nos anos 60 do pasado século, e coa que se pretende acadar a rexeneración ecosistémica da zona.

Esta repoboación singular foi iniciativa da Sociedade Española de Reumatoloxía (SER) no marco do proxecto Smart Green, iniciativa de LG España co apoio de The Climate Reality Project. Ambas entidades comparten os obxectivos de loita contra o cambio climático a través da rexeneración dos ecosistemas. O Concello de Santiago colaborou na plantación xunto coa Asociación de Estudantes de Medicina (AEMED) da USC.

As 500 bolas de arxila foron elaboradas quince días antes por estudantes de 35 universidades españolas reunidos en Santiago para celebrar a súa Asemblea Xeral, máximo órgano do Consello Estatal de Estudantes de Medicina (CEEM). Con esta acción, súmanse ao “Legado SER” que busca deixar un impacto positivo naquelas cidades nas que se reúnen, co fin de paliar a pegada de carbono dos traslados dos asistentes aos actos.

As “bolas de sementes” son unha técnica de cultivo especial e integral que se elaboran con arxila, compost e sementes autóctonas (estas van no interior das bolas protexidas pola mestura do barro e o substrato) e que é coñecida co nome de Nendo Dango. O interesante desta técnica é que consigue unha rexeneración máis completa e natural do terreo onde se emprega. A mestura de sementes autóctonas inclúe herbáceas, matogueiras e árbores. Unha vez que as bolas se diseminan polo terreo, primeiro medrarán as herbas, a continuación as matogueiras e finalmente as árbores, colaborando os tres tipos de cultivo no éxito da repoboación.

Polas especiais características da técnica Nendo Dango é posible ver os resultados en pouco tempo, polo que a cidadanía poderá visitar a zona para observar os avances desta acción. Esta acción desenvólvese no marco da campaña “1 voto, 1 árbore” coa que se pretende incorporar 100.000 novas árbores en Santiago de aquí ao 2030.